Palexco como epicentro da Uroloxía española cunha cita para máis de 300 especialistas

Palexco acolle a XXVII Reunión Nacional do Grupo Uro-Androlóxico (GUA), que se celebrará en paralelo á IX Reunión Nacional do Grupo de Cirurxía Reconstrutiva Urolóxica (CRU), que organiza Venancio Chantada Abal, xefe do servizo de Uroloxía do CHUAC.
Trátase dunha actividade científica da Asociación Española de Uroloxía (AEU), que nesta edición reúne a máis de 300 asistentes, o que constitúe unha asistencia récord. Este evento científico de primeiro nivel acollerá aos maiores expertos nacionais e internacionais en todos os temas que competen á androloxía e á cirurxía reconstrutiva urolóxica. O obxectivo deste importante encontro científico é compartir e actualizar os últimos avances dentro destes dous campos médicos.
Ao longo da reunión, os asistentes coñecerán os resultados do estudos do grupo CRU como o multicéntrico sobre a utilidade do enxerto de mucosa oral para corrixir estenoses de uretra ou uréter, ou o multicéntrico sobre uso de Optilume, un catéter con balón utilizado tamén para tratar esas estenoses. Ademáis, nas diversas mesas redondas, discutiranse as cirurxías e resultados da corrección de hipospadias, cirurxía reconstructiva e protésica en réxime ambulatorio, enfermidade de Peyronie ou disfunción eréctil, entre outras.
Nesta primeira xornada realizarase a presentación do documento de consenso sobre hipogonadismo, falarase sobre ferramentas para reconstrucións complexas e de patoloxías vesicais complexas pechándose co desenvolvemento de dous cursos sobre técnicas de imaxe en androloxía, a reconstrutiva uroxenital e outro de residentes para residentes no que se expoñerán os primeiros pasos en cirurxía reconstrutiva e androlóxica.
A segunda xornada, día 7 de febreiro, iniciarase cunha sesión de residentes e adxuntos novos da Asociación Española de Androloxía, onde se abordarán as estratexias de tratamento da disfunción eréctil tras fracaso da monoterapia e tamén se desenvolverán algunhas mesas redondas sobre a infertilidade e disfuncións sexuais, ademais das reconstrucións ureterais ou as novidades en cirurxía uretral.