Palavea lanza 'Térmn̥. Miradas dende a fronteira', un proxecto cultural sobre os límites urbanos

ACoruñaXa
A iniciativa, organizada pola asociación veciñal 'Os nosos lares', reflexionará sobre a territorialidade desde múltiples perspectivas con colaboración de varias entidades culturais
A CORUÑA termn
13 Oct 2025

A Asociación Veciñal 'Os nosos lares' de Palavea iniciará este xoves 16 de outubro o proxecto 'Térmn̥. Miradas dende a fronteira', unha proposta cultural e artística que abordará o concepto de límite ou termo municipal desde distintas miradas.

A iniciativa conta coa participación activa de MobilCinema, Palestra, ASEDUC e De Maior Creactivamente, que achegarán as súas experiencias e recursos para o desenvolvemento das actividades. Ademais, o proxecto recibe apoio da Deputación da Coruña.

Durante o primeiro mes, o equipo adicouse a tarefas de investigación, traballo de campo e organización inicial. Nos próximos dous meses, centraranse en desenvolver un programa de reflexión e creación artística que abordará a territorialidade desde diferentes ámbitos: xeográfico, histórico, político-administrativo, social, cultural e ambiental.

O título do proxecto provén da base protoindoeuropea que dá nome á idea de límite ou fronteira, un termo universal que recolle a esencia do concepto de termo municipal. A iniciativa tamén se insire nunha mirada de futuro, preparando unha reflexión ampla de cara á conmemoración dos 50 anos das primeiras iniciativas que impulsaron o movemento veciñal en Palavea, que se celebrará a partir de 2026.

O proxecto explora a vivencia do límite desde unha perspectiva híbrida, combinando o definido polo marco administrativo coas experiencias individuais e colectivas do territorio, propoñendo unha lectura aberta e creativa sobre a fronteira urbana.

⚙ Configurar cookies
0.070444822311401