Paderne ten todo listo para a Feira do GastroLexítimo para poñer en valor o seu viño local

ACoruñaXa
A feira pretende revalorizar a identidade do concello a través da súa gastronomía e da actividade das adegas locais
branco-paderne
18 Jun 2025

O Branco Lexítimo continúa a ser un motivo de orgullo para Paderne, cun recoñecemento crecente máis alá das súas fronteiras como referente da produción vitícola coa súa Denominación de Orixe. Presentouse no Mercado de San Agustín, na Coruña, a segunda edición da Feira do GastroLexítimo, que terá lugar novamente na parroquia da Esperela os días 5 e 6 de xullo.

A feira pretende revalorizar a identidade do concello a través da súa gastronomía e da actividade das adegas locais, poñendo en destaque a calidade dos produtos da comarca e o potencial da Denominación de Orixe. No acto de presentación participaron o alcalde de Paderne, Sergio Platas; o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Emprendedor, Ángel Germade; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a deputada de Industria, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García; a concelleira de Mercados do Concello da Coruña, Diana Sobral Cabanas; o xerente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Diego López, ademais de produtores e adegueiros locais.

Nesta ocasión, o pregón da feira estará a cargo do presentador galego Paco Lodeiro e como actuación principal destaca o concerto do grupo Luar na Lubre o sábado ás 21:30 horas. A programación incluirá postos con produtos locais, obradoiros infantís, talleres de cociña, maxia, exhibición de esgrima histórica, catas, homenaxes, o II Trail e Andaina ‘GastroLexítimo’ e pasarrúas.

“O compromiso do noso goberno é seguir, seguir e seguir. Facer de Paderne un referente para a nosa cultura gastronómica e no que se recupere e destaque a importancia de promocionar o produto local, que ademais das súas innegables cualidades, ten algo que o fai incluso máis senlleiro, xenuíno e nos enche de honra aos paderneses e ás padernesas: que está feito ‘na casa’”, destacou o alcalde, Sergio Platas.

O rexedor tamén agradeceu “á Deputación da Coruña a súa colaboración co Concello de Paderne a manter viva unha feira que pon en valor a nosa gastronomía e viño autóctono” e recoñeceu o papel da veciñanza “por ter sempre unha resposta tan positiva e unha actitude participativa coas actividades e eventos do municipio”.

Desde a Deputación, a deputada Rosa Ana García subliñou que “esta cita é moito máis que gastronomía; senón pon de relevancia o valor do produto de proximidade, da nosa identidade e da agricultura ecolóxica. Esta cita mantén o orgullo polo noso, que é o máis importante”.

Pola súa banda, a concelleira de Mercados, Diana Sobral Cabanas, valorou o espazo escollido para a presentación: “Aínda que non só é o contexto, tamén as persoas que lle dan vida: as que aquí traballan cun produto dunha altísima calidade”.

O xerente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Diego López, resaltou que “o Concello de Paderne é motor e impulsor desta iniciativa e que vai converter na primeira fin de semana de xullo á Esperela como a capital da Reserva de Biosfera”.

Finalmente, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, salientou que “para nós estar neste evento é algo máis que participar; damos a coñecer a provincia, iso que facemos cara fóra, tamén o estamos a facer cara adentro, e a Esperela é un espazo fantástico.” Tamén agradeceu ao departamento de Promoción Económica da Deputación “por sacar este tipo de proxectos adiante, que non é sinxelo” e destacou que “a Deputación da Coruña a través da campaña A Paisaxe que Sabe intenta atraer ao territorio da Coruña un perfil turístico que saiba valorar todo o que é o noso sistema produtivo e agroalimentario. É algo que hai que desfrutar con sentido para poder preservalo.”

⚙ Configurar cookies
0.15568590164185