Paderne restrinxe o uso doméstico da auga ante un consumo anómalo detectado en xullo

O Concello de Paderne vén de implantar restricións no consumo doméstico de auga tras detectar, a través das análises do persoal técnico, un caudal moi superior ao considerado necesario para cubrir as necesidades básicas dos fogares durante o mes de xullo.
O alcalde, Sergio Platas, explicou que, ante esta situación, queda prohibido o rego de xardíns, o lavado de vehículos e o enchido de piscinas privadas, co obxectivo de previr un posible desabastecemento en plena época de altas temperaturas.
Desde o executivo local lembran á veciñanza que a auga é un recurso limitado e esencial, polo que é necesario facer un uso responsable. “Se persiste o consumo excesivo, non descartaríamos aplicar medidas máis estritas que as actuais prohibicións”, advertiu o rexedor.
As autoridades municipais fan un chamamento á colaboración cidadá para que se prioricen os usos básicos e imprescindibles, contribuíndo así á preservación deste recurso natural nun verán marcado pola calor e a seca.