Paderne renova por completo os equipos informáticos da Biblioteca para a veciñanza

ACoruñaXa
O Concello investiu preto de 8.000 euros mediante o Plan Único Social da Deputación da Coruña para modernizar este servizo
PADERNE biblioteca
10 Aug 2025

O Concello de Paderne acaba de modernizar totalmente os equipos informáticos da Biblioteca municipal, poñéndoos a disposición da veciñanza para consultas e a realización de obradoiros formativos. Nesta actualización instaláronse un total de dez novos ordenadores, que permitirán mellorar o acceso á tecnoloxía e a conectividade dos usuarios.

Esta renovación realizouse grazas a unha partida económica incluída no Plan Único Social da Deputación da Coruña, cun investimento que rolda os 8.000 euros. Na mañá de hoxe, o alcalde Sergio Platas e a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, visitaron a Biblioteca para supervisar a implantación dos novos dispositivos.

O rexedor destacou que “coa incorporación destes equipos actualizamos os servizos dun espazo que non só é lugar de estudo e lecer, senón tamén de aprendizaxe e formación”. Ademais, subliñou a importancia de facilitar o acceso á banda ancha e á conectividade para aquelas persoas que, por diferentes motivos, non poden dispoñer destes recursos de forma habitual.

⚙ Configurar cookies
0.13129901885986