Paderne reclama á xerencia do CHUAC estabilidade nas prazas do centro de saúde

O Concello de Paderne trasladou á xerencia do CHUAC a necesidade de garantir a cobertura e estabilidade das prazas do centro de saúde municipal para mellorar a calidade asistencial e evitar recortes nos servizos. A petición realizouse nunha reunión recente entre o alcalde, Sergio Platas; a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos; e o xerente da área sanitaria, Luís Verde.
Un dos puntos principais foi a demanda de recuperar a atención pediátrica en Paderne, suprimida en 2016 como praza específica, aínda que os facultativos de Miño seguían acudindo para pasar consulta os martes. Este servizo deixou de prestarse recentemente, xerando preocupación entre as familias. “O Sergas debe garantir un servizo básico no rural e ofrecer estabilidade ao persoal sanitario. Non podemos permitir que as familias teñan que desprazarse forzosamente a Miño ou a outros municipios para acceder a unha consulta pediátrica”, declarou Platas.
O centro de saúde de Paderne conta actualmente con dous médicos, unha enfermeira e unha administrativa, pero varias destas prazas están cubertas por persoal eventual. Para o alcalde, consolidar estes postos é fundamental para evitar un empeoramento da atención. Ademais, o Concello demandou solucións ante a imposibilidade de solicitar cita dixital na Unidade Pediátrica de Miño, un problema informático que, segundo informou Luís Verde, xa está resolto.
Platas subliñou a importancia de manter os servizos no rural para combater a despoboación. “A Xunta debe actuar con responsabilidade e reforzar os recursos, non reducilos. Desde Paderne, seguiremos insistindo ata conseguir o que a nosa veciñanza merece”, afirmou.
Os representantes municipais tamén trasladaron a necesidade de mellorar a coordinación entre o Sergas e os Concellos para evitar situacións que poidan prexudicar aos usuarios e usuarias. “Manteremos o diálogo, pero tamén seremos contundentes nas nosas demandas porque a saúde da nosa xente é prioritaria”, concluíu o alcalde.