Paderne recibe este domingo aos Reis Magos cunha cabalgata chea de música e lume

O Concello de Paderne prepárase para unha das citas máis agardadas do Nadal coa chegada dos Reis Magos este domingo 4 de xaneiro. A xornada arrincará ao mediodía, cando Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán as parroquias a partir das 12.00, antes de protagonizar pola tarde a tradicional cabalgata.
O desfile sairá ás 17.30 desde a Casa Consistorial e contará con pasarrúas, o ritmo da batucada de Malandros Escola de Samba e un espectáculo de lume a cargo de Asocirco coa súa proposta 'Fire Performance'. A programación complétase con inchables, obradoiros, animación e distintas sorpresas pensadas para o público familiar.
A visita dos Reis Magos forma parte do programa 'Nadal en Paderne', deseñado para encher estas datas de actividades culturais e de lecer no municipio e culminar coa cabalgata.