Paderne prepárase para celebrar unha nova edición da Romaría da Familia con múltiples actividades

ACoruñaXa
A programación contará cun bingo, karaoke e campionatos de tute, parchís e dominó
paderne-familia
30 Jul 2025

O Concello de Paderne xa ten case todo listo para a celebración da Romaría da Familia, unha festa que se consolida como unha das citas máis sinaladas do calendario local. A edición deste ano terá lugar o venres 30 de agosto no Telleiro, a partir das 13.00 horas, e contará cun amplo abano de actividades para todas as idades.

O evento, que naceu como herdeiro do antigo Día da Familia —celebrado por última vez en 2018—, recuperou o seu espírito en 2022 como a primeira gran festa local tras a pandemia. Desde entón, consolidouse como un encontro de confraternidade para veciños e visitantes. “O traballo dun goberno local é potenciar o municipio e o seu tecido social. Con servizos como os que xa ofrecemos, pero tamén con eventos como esta Romaría da Familia que pretendemos consolidar no calendario, como a Feira GastroLexítimo. Paderne ten moito que ofrecer e para demostralo é preciso que a súa veciñanza sinta orgullo de pertenza”, destaca o alcalde, Sergio Platas.

No apartado musical, a xornada contará coas actuacións de Carlos Manteiga, Alejandra Pais e Nolñi Rodríguez. O toque máxico virá da man do mago Cayetano Lledó, que tamén forma parte dun cartel pensado para o desfrute interxeracional.

Durante o xantar, os grupos de persoas poderán reservar o seu espazo no Telleiro para compartir a comida que traian da casa. As reservas poden facerse ata o 22 de agosto, tanto presencialmente no Concello, como por teléfono ou a través do correo electrónico cultura@concellodepaderne.com.

Ademais da comida que leve cada quen, o Concello ofrecerá un servizo de pulpeira con racións de pago e, xa pola tarde, chocolate con churros. A programación continuará cun bingo, karaoke e campionatos de tute, parchís e dominó. Os xogos populares tamén terán o seu espazo, xunto con inchables e a Festa da Escuma, pensados para os máis pequenos.

“Tras o éxito das dúas pasadas edicións, nas que superamos de xeito amplo as 600 persoas inscritas tan só para comer, queremos repetir”, sinala o rexedor, convencido de que a Romaría da Familia segue medrando como un símbolo de identidade e encontro para Paderne.

⚙ Configurar cookies
0.17572212219238