Paderne pon fin ao programa de actividades para a veciñanza 2024/2025 cun obradoiro de poda

O Concello mantivo para este curso a súa aposta por ofrecer un programa completo de actividades para a veciñanza. A proposta estivo configurada por preto dunha vintena de opcións de ámbito físico, artístico e tamén por obradoiros específicos. A iniciativa arrincou no mes de outubro e finalizará o 9 de xuño co derradeiro obradoiro de tratamentos naturais e poda. Estará impartido por Fran Pico, técnico de Agroflor.
Este mesmo celebrarase en tres quendas os días 26 de maio, 2 de xuño e 9 de xuño, en horario de 17:00 a 19:00 horas no local social de Adragonte. Todavía é posible anotarse, xa que quedan prazas dispoñibles, no Concello de forma presencial ou a través da sede electrónica.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, aproveita ás portas de desenvolverse a derradeira actividade do curso para “agradecer a todas as persoas que participaron nalgunha actividade deste programa, co que buscabamos ofrecer á veciñanza múltiples opcións para dotar de coñecementos e ferramentas prácticas toda vez que socializan e se manteñen activos. Foi un éxito e temos que seguir esta liña de traballo para vindeiras edicións”.