Paderne organiza dúas excursións socioculturais ao Attica21 de Vilalba para maiores de 60 anos

O Concello de Paderne vén de poñer en marcha dúas saídas socioculturais para persoas maiores de 60 anos ao Hotel Spa Attica21 de Vilalba, en Lugo, dando prioridade ás veciñas e veciños empadroados no municipio que non precisen asistencia.
A primeira das excursións darase o 26 de novembro e, debido á elevada demanda de prazas para esa data, o Concello decidiu organizar unha segunda saída o 17 de decembro. En ambos casos, a actividade terá un custe de 10 euros por participante, importe no que se inclúen os servizos de monitorado, o acceso ao circuíto termal e o desprazamento en autobús.
A saída está fixada para as 9.30 horas diante da Casa do Concello en ambas as datas. A sesión termal desenvolverase de 11.00 a 12.30 horas e o regreso está previsto arredor das 14.00 horas.
Nesta nova convocatoria, aínda que o número de prazas continúa a ser limitado, o goberno local decidiu amplialas respecto ás saídas anteriores, polo que se recomenda facer a reserva canto antes. As persoas interesadas poden inscribirse ou solicitar máis información chamando ao teléfono 981 79 70 01 ou escribindo ao enderezo 'cultura@concellodepaderne.com'.
O executivo municipal prevé consolidar esta iniciativa cunha periodicidade mensual, de maneira que xa se traballa na organización de novas saídas semellantes, cando menos durante os meses de xaneiro e febreiro de 2026.