Paderne ofrece catro cursos na súa Campaña de Sensibilización Ambiental

O Concello de Paderne ofrece unha nova edición da súa Campaña de Sensibilización Ambiental para o ano 2025, na que se inclúen catro cursos gratuítos orientados ao coidado da contorna natural. Estes obradoiros, que se celebrarán entre febreiro e abril, están deseñados para mellorar os coñecementos prácticos da veciñanza en temas de xardinería, poda e control de especies invasoras.
O ciclo de obradoiros dará comezo o 15 de febreiro cunha formación sobre a poda de kiwis, que terá lugar ás 10.30 horas na Casa Consistorial. Case un mes despois, o 12 de marzo, será a quenda do Obradoiro de Enxertos vexetais, que se celebrará ás 19.00 horas. O 15 de marzo, o Concello acollerá a poda de árbores froiteiras, tamén na Casa Consistorial, a partir das 10.30 horas.
O último dos obradoiros estará dedicado á construción de trampas para a captura da vespa velutina, unha formación que se celebrará ao longo de tres sesións. A primeira terá lugar o 5 de marzo, a segunda o 26 de marzo e a terceira o 9 de abril, todas ás 20.00 horas. Nesta formación, os participantes recibirán un agasallo de produto ‘atraínte’ para as vespas, co obxectivo de poñer en práctica as ensinanzas adquiridas entre as sesións.
A iniciativa, que se reedita tras o éxito da edición anterior, busca ofrecer á veciñanza ferramentas teórico-prácticas para mellorar o coidado do seu entorno natural. O goberno local destaca que estas formacións son unha oportunidade para que os participantes poidan mellorar as súas habilidades de xardinería, controlar a proliferación de especies invasoras como a vespa velutina e, en definitiva, coidar o medio ambiente de xeito activo.
As inscricións para os obradoiros poden formalizarse desde xa chamando ao teléfono do Concello (981 797 001) ou enviando un correo electrónico á dirección correo@concellodepaderne.com.
Este ciclo de formacións será un paso máis na aposta do Concello de Paderne por promover a sensibilización e a educación ambiental entre a súa veciñanza, fomentando a participación activa na protección e conservación do medio natural.