Paderne leva á Casa do Concello un obradoiro práctico para aprender a mover e coidar persoas dependentes con seguridade

ACoruñaXa
A formación, gratuíta e aberta a pacientes, familias e veciñanza, será o 24 de febreiro e impartiraa o enfermeiro Víctor Iglesias
PADERNE concello
26 Jan 2026

Coidar dunha persoa dependente na casa implica moito máis ca acompañar: levantar, axudar a incorporarse, facer transferencias da cama á cadeira ou evitar posturas que acaban pasando factura ás costas de quen coida. Con esa idea, o Concello de Paderne organiza o vindeiro 24 de febreiro un obradoiro de 'Mobilización e coidados de persoas dependentes' na Casa do Concello, en horario de 16.00 a 20.00 horas, impartido por Víctor Iglesias, enfermeiro da área sanitaria de Santiago.

A sesión está dirixida a pacientes, familiares e cidadanía en xeral, e busca achegar ferramentas útiles para o día a día, especialmente para quen asume tarefas de coidado no fogar. As persoas interesadas poden inscribirse directamente na Casa do Concello.

Máis alá da teoría, este tipo de accións (impulsadas pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns) céntranse en mellorar as habilidades de mobilización, cambios posturais e hixiene postural, ademais de abrir un espazo onde coidadoras e profesionais sanitarios poidan compartir dúbidas e experiencias arredor dos coidados.

⚙ Configurar cookies
0.099457025527954