Paderne lanza 'Recunchos para crianzas e familias', unha guía mensual sobre o desenvolvemento de 0 a 6 anos

O Concello de Paderne pon en marcha o novo 'Recunchos para crianzas e familias', un espazo na web municipal deseñado para achegar ás familias da contorna información útil sobre o crecemento e o desenvolvemento dos nenos e nenas desde o nacemento ata os seis anos. A iniciativa céntrase en ofrecer contidos accesibles e prácticos que aborden tanto o desenvolvemento motor e sensorial como o lingüístico, social, emocional, comportamental e a autonomía infantil.
Este recuncho nace como unha ferramenta de apoio do Servizo de Atención Temperá que o Concello oferta ás familias con fillos e fillas menores de 6 anos, coa intención de facilitar pautas, orientar sobre o progreso en cada etapa e resolver dúbidas habituais do primeiro ciclo infantil. Nas seccións publicaranse materiais divulgativos e recursos prácticos pensados para acompañar ás familias no día a día da crianza.
A concellería anuncia que as publicacións terán unha periodicidade mensual, o que permitirá manter os contidos actualizados e abordar diferentes áreas en cada entrega. As temáticas previstas abarcano desenvolvemento motor, a estimulación sensorial, a adquisición de linguaxe, a autonomía nas rutinas e pautas para o benestar emocional dos menores.