Paderne incorporará novos caudalímetros dixitais nos seus depósitos municipais

ACoruñaXa
A finalidade é medir con "eficiencia e certeza" o volume de auga almacenada
Imaxe da casa do Concello de Paderne
20 Feb 2025

O Concello de Paderne instalará caudalímetros dixitais nas saídas dos seus dous grandes depósitos municipais para medir con "eficiencia e certeza" o volume de auga almacenada. Así o anunciou no pleno extraordinario no que se informou aos distintos grupos políticos sobre o estado actual da rede de abastecemento tras os resultados dunha auditoría externa.

Esta será a primeira medida dun plan de mellora que aínda se atopa en fase de estudo e que busca modernizar o sistema municipal, que actualmente emprega medidores manuais. Coa incorporación destes novos dispositivos, o Concello poderá coñecer en tempo real o volume exacto de auga das súas estruturas de reserva e subministración de auga potable.

O municipio está cualificado polas autoridades competentes como de "grao 2" ao situarse entre as 10 e as 100 toneladas. Porén, o goberno local, liderado por Sergio Platas, considera fundamental iniciar a "dixitalización das augas" como paso clave para modernizar e mellorar a eficiencia do sistema.

Entre as prioridades do executivo municipal tamén figura a mellora do saneamento. Neste sentido, xa se produciron avances coa obtención dun compromiso por parte de Augas de Galicia para realizar un estudo integral da rede, logo dunha auditoría externa. Estas melloras estarán recollidas nos orzamentos de 2025 que o Concello está a preparar.

No segundo punto da orde do día, abordouse a "adquisición de compromiso por parte do goberno local para dirixirse ás autoridades sanitarias coa fin de coñecer a posible existencia dalgunha enfermidade vinculada á auga". Sobre isto, o alcalde aclarou que actualmente "non existe ningún indicativo" que apunte á presenza de bacterias ou outros axentes nocivos na auga municipal. Recalcou ademais que, en caso de detectarse algunha irregularidade, as autoridades sanitarias serían as primeiras en informar ao Concello: "Non se trata de chamar constantemente para preguntar. Se existise algún problema, seríamos notificados de inmediato. Non hai que crear alarma sen motivo".

 

0.16596913337708