Paderne impulsa un ano máis o seu programa de conciliación para o verán

O Concello de Paderne impulsará novamente o seu plan de conciliación familiar cara este verán con dous servizos de balde para as familias empadroadas. Isto permitirá que a rapazada de ata 14 anos poida gozar de espazos de recreación durante o a tempada estival.
As Aulas de Conciliación e os Campamentos de Verán son as dúas propostas do goberno local, que contaran con gran aceptación xa no 2024. O executivo dirixido por Sergio Platas mantén a súa aposta polos servizos sociais para todos e todas e impulsa ambos programas para permitir ás familias desenvolver unha mellor conciliación en datas complexas como o verán.
Por unha banda, as Aulas de Conciliación 2024 ofrécense como unha alternativa de lecer para os e as menores nacidos entre o 2021 e o 2017 -ata 8 anos de idade-. Tamén poderán participar os/as menores de 8 anos cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.
Neste sentido, as actividades terán como elemento vehicular a igualdade entre nenos e nenas. Para iso, desenvolveranse iniciativas lúdicas de ocio como xogos cooperativos nos que se tratarán valores de respecto, igualdade, resolución de conflitos e fomento da cultura e a lingua galegas.
Este servizo desenvolverase no Centro de Maiores, na Aula de Informática, na Biblioteca e no parque anexo ao Concello. Ademais, en función da meteoroloxía, realizaranse máis actividades no exterior e haberá saídas programadas unha vez cada dúas semanas.
Pola outra banda, os Campamentos de Verán 2025 están destinados ás e aos menores de 9 a 14 anos de idade empadroados no municipio, ademais da cativada de menos de 14 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.
Coa igualdade tamén como pilar básico, este servizo ofrecerá actividades vencelladas aos deportes de equipo, deportes acuáticos, talleres de iniciación a distintas modalidades deportivas, actividades no medio ambiente e natureza, actividades artísticas e creativas e xogos de auga.
Ambas as dúas iniciativas contarán con cinco quendas diferenciadas para facilitar en maior medida a conciliación laboral e familiar. Neste sentido, a primeira irá do 30 de xuño ao 15 de xullo. A segunda, do 16 ao 31 do mesmo mes. A terceira arrincará o primeiro de agosto ata o día 14. A cuarta, do 19 ao 30. Por último, a quinta irá do 1 ao 5 de setembro. En ningunha delas se inclúen os días festivos.
O horario de ambas irá das 8.00 ás 15.00 horas, aínda que a entrada poderá ser ata as 9.30 da mañá. A saída tamén será flexible, xa que comeza ás 14.00 e as 15.00 horas.
O prazo para inscribirse nestes servizos arrincou xa e vai ata o 6 de xuño. Para anotarse, é preciso aportar a documentación que aparece nas bases, publicadas na Sede Electrónica do Concello de Paderne .
Á hora de contar cunha praza, empregaranse criterios preferentes para as familias empadroadas no Concello de Paderne con rendas inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), que neste 2024 é de 7.200 euros en 12 pagas ao ano.
“Ambas iniciativas tiveron moito éxito no pasado verán e queremos continuar nesta liña, reforzando as alternativas de conciliación en datas complexas como o verán, toda vez que garantimos que a cativada se divirte, aprende en valores, conviven cos seus iguais e aprenden hábitos saudables”, apunta o alcalde e responsable de Educación, Sergio Platas.