Paderne impulsa a campaña 'Educa en Paderne, educa na casa' para promover as escolas infantís locais

O Concello de Paderne acaba de lanzar a campaña 'Educa en Paderne, educa na casa' co obxectivo de fomentar a matriculación da rapazada de tres a cinco anos nas escolas infantís unitarias de Viñas e Areas. A iniciativa busca poñer en valor estes centros educativos públicos, destacando a súa educación personalizada, os valores locais e a proximidade.
As escolas unitarias sufriron recentemente unha importante remodelación, financiada integramente con fondos municipais, cun investimento total de preto de 100.000 euros. Grazas a estas obras, os centros contan agora con instalacións renovadas, melloras na infraestrutura e parques infantís máis modernos e seguros.
As escolas de Viñas e Areas, á disposición de calquera familia sen importar a proximidade ao domicilio, ofrecen matrícula gratuíta e unha educación baseada na experimentación e o respecto polos valores culturais e ambientais da contorna. Ademais, dispoñen de servizos complementarios como transporte gratuíto e o Plan Madrugadores, que facilitan a conciliación familiar e laboral.
“Queremos que as familias vexan estas escolas como unha oportunidade única para ofrecerlles aos seus fillos unha educación de calidade, próxima e personalizada”, destacou o alcalde Sergio Platas. Para difundir esta mensaxe, o Concello organizará actividades como un concerto infantil en Areas este venres ás 11:30 horas, xornadas de portas abertas en xaneiro e encontros con pais e nais. Tamén promoverá a campaña nas redes sociais, contando co apoio de proxenitores que xa difunden contidos a través de Instagram no perfil @escuelaunitariadeareas.