Paderne executa por segunda vez a roza dunha finca privada abandonada en Montecelo

ACoruñaXa
O Concello procederá agora a derivar a factura correspondente á persoa titular da propiedade
finca-paderne
19 Apr 2025

O Concello de Paderne vén de acometer, por segunda vez na súa historia, a roza dunha finca de titularidade privada situada na zona de Montecelo. A parcela, que levaba anos sen ningún tipo de mantemento, convertérase nun foco de insalubridade e molestias para a veciñanza debido ao seu estado de abandono.

Ante esta situación, o Goberno local iniciou os trámites legais necesarios para localizar ás persoas propietarias actuais da finca. Porén, a falta de actualización do Catastro dificultou esta tarefa. A pesar diso, os servizos xurídicos do Concello lograron completar a tramitación administrativa que permitiu acometer a actuación de limpeza a través de medios contratados polo executivo municipal.

Segundo explicou o alcalde, Sergio Platas, “logo dunha primeira execución deste calibre en agosto do pasado ano, levamos a cabo novamente unha acción deste tipo, o que amosa o noso compromiso non só polo benestar da veciñanza, senón tamén pola preservación e coidado do noso medio”. O mandatario quixo agradecer especialmente o traballo dos servizos xurídicos municipais, nun proceso que cualificou de “complexo, pero finalmente exitoso”.

O Concello procederá agora a derivar a factura correspondente á persoa titular da propiedade, que poderá ademais enfrontarse a unha sanción administrativa de ata 900 euros por hectárea de superficie non xestionada, segundo a normativa vixente.

Platas insistiu en que este tipo de intervencións son “excepcionais” e só se realizan tras unha intensa labor burocrática: “Grazas a ese esforzo legal, evitamos que os custos da actuación recaian sobre a veciñanza”, subliñou.

Esta medida reforza o compromiso do Concello de Paderne coa seguridade, a saúde pública e a protección ambiental, así como co cumprimento das obrigas que recaen sobre os titulares de parcelas privadas no termo municipal.

⚙ Configurar cookies
0.3170120716095