Paderne estrea un parque infantil renovado e máis inclusivo en Vilamourel

ACoruñaXa
Este proxecto súmase ás recentes renovacións nos parques do Consistorio e de Medín
parque-paderne
11 Apr 2025

O Concello de Paderne continúa apostando pola mellora dos seus espazos públicos coa renovación integral do parque infantil de Vilamourel, situado no lugar da Calzada. A nova área de xogos, completamente adaptada e segura para a cativada, supón un paso máis na estratexia municipal de revitalización dos espazos de lecer e encontro.

A intervención, cun investimento de 48.376,16 euros con IVE incluído, centrouse en garantir a seguridade e o confort das crianzas. Retirouse o pavimento anterior para substituílo por un chan de caucho continuo e elástico, deseñado para amortecer posibles caídas. Ademais, instaláronse novos elementos de xogo como un tobogán para maiores de 3 anos, un bambán de madeira con asento plano e berce —apto para nenos e nenas a partir dun ano—, e un xogo de molle tamén orientado aos máis pequenos.

Pero as melloras non rematan nos xogos. Para fomentar un uso máis amplo e familiar do espazo, o parque incorpora agora dúas mesas con bancos de madeira, ideais para merendas, descansos ou momentos de convivencia ao aire libre.

Con esta actuación, o Concello de Paderne reforza o seu compromiso coa calidade de vida das familias e co desenvolvemento equilibrado entre o ámbito urbano e rural. Este proxecto súmase ás recentes renovacións nos parques do Consistorio e de Medín, que contaron cun investimento conxunto próximo aos 90.000 euros. Un esforzo continuado por facer de Paderne un lugar máis amable, accesible e adaptado ás necesidades da súa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.086725950241089