Paderne destina o Plan Único Adicional da Deputación da Coruña á mellora de vías e da Casa Consistorial

O Concello de Paderne aprobou por unanimidade en sesión plenaria extraordinaria a dedicación do Plan Único Adicional da Deputación da Coruña, dotado con 128.523,39 euros, a diferentes actuacións no municipio. O acordo contou co apoio de todos os grupos políticos, que tamén deron o visto e prace á acta da sesión anterior, celebrada o pasado 6 de outubro.
A principal partida, de 49.353,54 euros, destinarase á mellora da pavimentación das estradas do Cruceiro–Carballo e San Mamede–O Bión. Ademais, outros 40.200,19 euros servirán para acometer obras de acondicionamento na Casa Consistorial, mentres que os 38.969,66 euros restantes cubrirán gastos correntes do Concello.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu a colaboración e consenso de 'todas as forzas políticas' nunhas intervencións que, segundo destacou, 'serven para continuar coa nosa liña de traballo de mellora dos servizos públicos e de fortalecemento das infraestruturas que conectan as parroquias do municipio'.