Paderne dá comezo ao ciclo 'Falemos de saúde' para previr enfermidades

ACoruñaXa
O evento contou cunha notable afluencia de veciños e veciñas interesados en mellorar o seu benestar
paderne-saude
25 Apr 2025

Paderne inaugurou onte o ciclo 'Falemos de saúde', unha serie de relatorios destinados a abordar algúns dos problemas de saúde máis comúns na sociedade e as mellores maneiras de previr e afrontar as doenzas. O evento, que arrancou con grande éxito, contou cunha notable afluencia de veciños e veciñas interesados en mellorar o seu benestar e coñecer máis sobre a prevención de enfermidades.

A primeira xornada estivo a cargo de catro expertas en Medicina Familiar e Comunitaria, que ofreciron valiosos coñecementos e responderon ás preguntas dos asistentes. As ponentes foron Alba Marcos, médica residente de 2º ano de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente da Coruña; Sara Martínez, médica residente de 3º ano; Noemi Vázquez, médica residente de 4º ano, e Nerea López, médica especialista na mesma área da Área Sanitaria da Coruña. As catro profesionais compartiron a súa experiencia e formación, facendo un enfoque práctico sobre como anticiparse ás enfermidades e mellorar a saúde de maneira preventiva.

O ciclo de conferencias continuará o luns 28 de abril cunha charla centrada na diabete, unha enfermidade cada vez máis presente na sociedade. Os seguintes encontros do programa incluirán temas de gran importancia como o colesterol e o tabaquismo, que se tratarán o 21 de maio, e pecharase o ciclo o 26 de maio cunha conferencia sobre obesidade e hábitos de alimentación saudable.

Todas as charlas terán lugar na Casa do Concello a partir das 20.00 horas e son abertas a toda a cidadanía. Con esta iniciativa, Paderne reforza o seu compromiso coa educación sanitaria e a promoción dun estilo de vida máis saudable para os seus veciños e veciñas.

⚙ Configurar cookies
0.16733193397522