Paderne contará cun novo desvío a Souto grazas á construción dunha glorieta na N-651

ACoruñaXa
Os obxectivos principais desta actuación para o Concello son a conectividade e a seguridade
paderne-glorieta
22 Jul 2025

O Concello de Paderne vén de anunciar o inicio dunha actuación moi agardada pola veciñanza: a construción dunha glorieta na estrada N-651, á altura do cruzamento cara Velouzás e Ribeira de Chantada. Pero a mellora vai máis aló do inicialmente previsto: grazas ás negociacións entre o executivo local e o Goberno do Estado, incluirase tamén un desvío cara a Souto, unha demanda histórica da veciñanza.

“Tras longas negociacións coa Demarcación de Carreteras, e grazas á vontade veciñal, non só é unha realidade esta infraestrutura, que reducirá considerablemente a sinistralidade na N-651 ao seu paso polo noso municipio; tamén servirá de nó conector a Souto”, asegurou esta mañá o alcalde, Sergio Platas, durante a visita ás obras acompañado polo Delegado do Goberno, Pedro Lobeiras.

O rexedor quixo agradecer publicamente a implicación de todas as partes implicadas: “Tanto á Delegación do Goberno, como a Demarcación de Carreteras e especialmente á veciñanza pola súa paciencia. Todas e todos sabemos que as obras ata que rematan non son especialmente reconfortantes, pero sen dúbida que o resultado merecerá a pena. É unha grandísima nova para Paderne e toda a comarca”.

A nova infraestrutura, financiada a través do contrato de conservación e explotación das estradas do Estado na provincia da Coruña —cun orzamento total de 25,6 millóns de euros—, contará cun investimento superior aos 123.000 euros para esta actuación concreta. Prevese que os traballos estean rematados na segunda metade de 2025.

Ademais de mellorar a conexión co núcleo de Souto, a glorieta servirá para incrementar a seguridade viaria nun punto onde nos últimos anos se teñen producido varios accidentes. Tamén se contempla o acondicionamento da parada de autobús situada na contorna, o que facilitará o acceso ao transporte público para a veciñanza.

A nova glorieta contará cun radio de 6,5 metros, arcén duns 1 metro e carrís de 3,5 metros de ancho, o que permitirá unha reorganización efectiva do tráfico rodado, favorecendo unha circulación máis fluída e segura. A conectividade e a seguridade son, segundo destaca o propio Concello, os obxectivos principais desta actuación.

⚙ Configurar cookies
0.15716195106506