Paderne conmemora o 25N cun manifesto institucional e teatro familiar no Fogar do Maior

O Concello de Paderne celebrará este martes o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha programación específica no Fogar do Maior. A xornada arrancará ás 19.30 horas coa lectura do manifesto institucional contra a violencia machista, coa que a corporación local quere reafirmar o seu compromiso coa igualdade e co rexeitamento de todas as formas de violencia exercida contra as mulleres.
Tras a lectura do texto, o público poderá gozar da representación teatral 'Superhéroe', do actor Fran Rei, unha proposta dirixida a todos os públicos que combina humor e reflexión para abordar valores como o respecto, o bo trato e a convivencia en igualdade. A actividade está concebida como un espazo de encontro para familias, mocidade e persoas maiores arredor da data do 25N.
Desde o Concello de Paderne fan un chamamento á participación da veciñanza e lembran que este tipo de iniciativas buscan visibilizar a realidade da violencia de xénero, fomentar a sensibilización social e transmitir á cidadanía que a resposta fronte ás violencias machistas debe ser colectiva. O acto desenvolverase no Fogar do Maior, con entrada libre ata completar aforo.