Paderne celebra a súa Feira GastroLexítimo con protagonismo para o viño branco da zona

ACoruñaXa
A actividade continúa este domingo, 6 de xullo, cunha cita deportiva: o II Trail e Andaina Feira GastroLexítimo
gastro-lexitimo
6 Jul 2025

A aldea da Esperela, en Paderne, converteuse esta fin de semana no epicentro da tradición vitivinícola e gastronómica da comarca coa celebración da II Feira GastroLexítimo. O evento arrancou este sábado cun acto institucional no que participaron o alcalde, Sergio Platas; o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira; a deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán; e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo Santamaría. O pregón correu a cargo do coñecido presentador da TVG, Paco Lodeiro.

Esta segunda edición mantén como fío condutor o Branco Lexítimo, unha variedade de uva autóctona que o Concello de Paderne busca reivindicar e dar a coñecer como parte esencial da súa identidade. Así o expresou o alcalde, que destacou que o evento pretende ser unha homenaxe “ao Branco Lexítimo e tamén ao bo facer dos nosos bodegueiros, sen os que esta variedade non sería o que é hoxe en día”. Platas animou a veciñanza e visitantes a participar dun programa pensado para todas as idades, co obxectivo de que o Branco Lexítimo “estea, tanto de xeito figurado como literalmente, en boca de todos e todas”.

Xosé Regueira, pola súa banda, puxo en valor a contribución do viño á identidade local e á proxección turística: “O Branco Lexítimo, con esa personalidade marcada polo solo, polo clima e polo saber facer dos nosos viticultores, é moito máis que un viño: é un símbolo do que somos”. Salientou tamén que apoiar este tipo de eventos é apostar pola economía, a paisaxe e a cultura da provincia.

Cristina Capelán definiu a feira como “un encontro coa nosa identidade”, onde os produtos locais e a agricultura ecolóxica “se poñen en valor como o que son: cultura, economía e futuro”. A deputada incidiu na importancia de reforzar o vínculo entre os produtos e o seu territorio de orixe.

Unha fin de semana chea de actividades

O programa deste sábado incluíu propostas para todos os públicos, como obradoiros de cociña e arte floral, actividades infantís, unha exhibición de esgrima histórica ou unha cata de viños dirixida por Alejandro Paadín. A música correu a cargo do histórico grupo Luar na Lubre, que puxo o punto final á xornada cun concerto ás 21.30 horas.

A actividade continúa este domingo, 6 de xullo, cunha cita deportiva: o II Trail e Andaina Feira GastroLexítimo, no que participan preto de 350 persoas. A programación complétase cunha experiencia gastronómica do cociñeiro Miguel Mosteiro, máis talleres e catas, e animación musical e infantil durante toda a xornada.

A Feira GastroLexítimo consolídase así como un evento que combina tradición, cultura, gastronomía e natureza, facendo da Esperela un escaparate da riqueza local e da calidade do Branco Lexítimo.

⚙ Configurar cookies
0.16925096511841