Paderne celebra a Festa do Maior 2025 cunha xornada de homenaxe e convivencia

O Concello de Paderne organiza, un ano máis, a tradicional Festa do Maior, que nesta edición de 2025 terá lugar o sábado 29 de marzo. O evento, pensado para render homenaxe ás persoas maiores de 65 anos, incluirá unha xornada de recoñecemento, música e convivencia.
A celebración dará comezo ás 12.00 horas cunha misa na Igrexa de Paderne. A continuación, ás 13.00 horas, na Casa do Concello, levarase a cabo un pleno especial no que se recoñecerá a figura do maior de cada parroquia. Tras os actos institucionais, a xornada continuará cunha comida no restaurante Maklkan Club (Oleiros), onde a música en directo será protagonista.
Para facilitar a asistencia ao evento, o Concello de Paderne porá á disposición das persoas interesadas un servizo de autobús, que realizará paradas en todas as parroquias para recoller ás persoas anotadas.
As persoas que desexen acudir á comida e utilizar o servizo de transporte deberán inscribirse antes do luns 24 de marzo. Para iso, poden chamar ao teléfono 981 797 001 ou acudir presencialmente á Casa Consistorial. O prezo total do evento é de 15 euros.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, destacou a importancia desta cita para recoñecer o papel fundamental das persoas maiores no municipio: “Temos en consideración ás nosas persoas maiores todos os días e así o demostramos con servizos de todo tipo. Pero aínda así, non está de máis ter este tipo de xestos simbólicos coa nosa veciñanza para realzar a súa transcendencia na nosa realidade municipal”.
A Festa do Maior converterase, unha vez máis, nun punto de encontro para a comunidade, poñendo en valor a experiencia e o legado das persoas maiores de Paderne.