Paderne avala un suplemento de crédito de 375.000 euros para melloras en espazos públicos

ACoruñaXa
O Pleno extraordinario aprobou a partida, financiada con remanente de tesourería, para actuacións en Velouzás, Chantada e San Mamede
PADERNE pleno nov 25
26 Nov 2025

O Concello de Paderne deu luz verde este mércores 26 de novembro, nun Pleno extraordinario celebrado ás 8.30 horas da mañá, á habilitación dun suplemento de crédito por un importe de 374.364,30 euros destinado a obras e labores de mantemento en diferentes puntos do municipio.

A partida, financiada con remanente líquido de tesourería, permitirá acometer a adecuación do Local Social de Velouzás, executar traballos de mellora no parque infantil de Chantada e realizar actuacións de acondicionamento no Campo da Festa e no parque de San Mamede.

A proposta contou co apoio do grupo de goberno e do edil do Bloque Nacionalista Galego, mentres que os concelleiros do Partido Popular optaron pola abstención. O concelleiro non adscrito asistiu á sesión.

Do total aprobado, 181.958,2 euros destinaranse ás intervencións en infraestruturas, 74.000 euros a acción social e 118.406,1 euros a outros gastos municipais.

O alcalde, Sergio Platas, salientou 'a importancia desta aprobación, xa que contamos cunhas contas municipais saneadas, sen obrigas pendentes ao peche do exercicio. Isto permítenos investir en melloras para Paderne, o que constitúe unha moi boa nova para o municipio', indicou.

⚙ Configurar cookies
0.085549831390381