Paderne aproba os orzamentos municipais tras un acordo entre goberno e BNG

O Concello de Paderne desbloqueou a aprobación dos orzamentos de 2025 logo dun acordo entre o goberno local e o BNG. O pacto incorpora novas partidas para axudas ao estudo destinadas ao curso 2025-2026, que permitirán ás familias solicitar bolsas de transporte, material escolar e comedor.
Tamén se recollen subvencións para asociacións culturais, deportivas e medioambientais, así como investimentos en dous proxectos estratéxicos: a creación dunha comunidade enerxética local e a ampliación do saneamento municipal mediante filtros biolóxicos, cun menor custo de mantemento e impacto ambiental.
O documento inclúe outras medidas como a renovación da web municipal, a posta en marcha da “Mesa da Ría de Betanzos” para o seguimento da calidade da auga e dos vertidos, e a elaboración dun censo de vivenda baleira como paso previo a un plan de vivenda municipal.
O acordo permitirá mobilizar os recursos municipais con novos compromisos sociais, ambientais e de mellora de servizos.