Paderne aproba o orzamento municipal para 2025 cun incremento do 11% respecto ao exercicio anterior

No Pleno celebrado o 6 de agosto ás 21.00 horas, o Concello de Paderne aprobou o orzamento municipal para o ano 2025, que ascende a un total de 2.590.099 euros, o que representa un aumento do 11% en comparación co orzamento de 2024. A contía destinada a servizos sociais é de 528.663,87 euros, cifra significativa dentro do total, dado o perfil demográfico da poboación local.
A aprobación contou cos votos a favor dos catro concelleiros do PSOE e do representante do BNG. Pola contra, o grupo do PP votou en contra, mentres que o edil non adscrito abstívose. Debido ao empate, o alcalde exercitou o voto de calidade para aprobar o documento.
O orzamento inclúe partidas destinadas a actividades culturais como os premios do Entroido, concursos de fotografía, subvencións culturais e premios literarios. Ademais, engádese unha nova partida para axudas escolares e á natalidade. No mesmo Pleno tamén se aprobaron, por unanimidade, os días festivos para o ano 2026, que serán o Martes de Entroido e o 18 de agosto, declarados como non lectivos.