Paderne activa as inscricións nas Aulas de Conciliación e no Campamento de Nadal 2025


O Concello de Paderne vén de abrir o prazo de inscrición para participar nas Aulas de Conciliación e no Campamento de Nadal 2025, un programa municipal de carácter gratuíto pensado para facilitar a organización das familias durante o período non lectivo e ofrecer á cativada espazos seguros, educativos e de lecer en igualdade.
As Aulas de Conciliación están dirixidas a menores nados entre 2021 e 2016, cun máximo de 8 anos, tendo preferencia as nenas e nenos empadroados no municipio. Desenvolveranse do 22 de decembro ao 2 de xaneiro (agás os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro) en horario de 8.00 a 15.00 horas, con entradas e saídas flexibles. Haberá dúas quendas: a primeira os días 22, 23 e 26 e a segunda os días 29, 30 de decembro e 2 de xaneiro. As actividades repartiránsense entre o Centro de Maiores, a aula de informática, a biblioteca e o parque anexo ao Concello.
Pola súa banda, o Campamento de Nadal está pensado para rapazas e rapaces de entre 9 e 14 anos e desenvolverase nas mesmas datas, tamén en dous turnos (22, 23 e 26; e 29, 30 de decembro e 2 de xaneiro). O horario será igualmente de 8.00 a 15.00 horas, cun tramo de entrada flexible entre as 8.00 e as 9.00 horas e de recollida entre as 14.00 e as 15.00 horas, co obxectivo de adaptarse o máximo posible aos horarios laborais das familias.
Tanto nas aulas como no campamento ofreceranse propostas lúdicas e educativas adaptadas ás idades dos participantes, promovendo valores de convivencia, igualdade e corresponsabilidade, en liña co traballo que o Concello vén desenvolvendo noutros programas de conciliación ao longo do ano.
O prazo para presentar solicitudes remata o venres 5 de decembro de 2025. A tramitación deberá facerse preferiblemente a través da sede electrónica municipal, aínda que tamén se pode formalizar no propio Concello. Cómpre achegar a solicitude cuberta, copia do DNI, tarxeta sanitaria, informes ou certificados que correspondan e a documentación que acredite os criterios de baremo.
No caso de que haxa máis demanda que prazas dispoñibles, aplicarase un sistema de selección que terá en conta, entre outros aspectos, as rendas familiares inferiores a tres veces o IPREM, situacións de familias monoparentais, mulleres vítimas de violencia de xénero, desemprego de longa duración, familias numerosas ou en situación de coidados e a actividade laboral de ambos proxenitores. Se aínda así segue habendo máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público e confeccionarase unha lista de agarda.
A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica, abríndose un prazo de dous días hábiles para posibles alegacións. A listaxe definitiva prevese para a semana do 8 de decembro. Coa posta en marcha deste servizo de Nadal, o Concello de Paderne reforza a súa aposta pola conciliación familiar, laboral e persoal e polo apoio ás familias do municipio.