Paderne acollerá o coloquio sobre diabetes do ciclo 'Falemos de saúde'

ACoruñaXa
Desde o Goberno local destacan a importancia deste tipo de encontros por dotar á veciñanza de ferramentas prácticas
paderne-saude
7 May 2025

A Casa do Concello de Paderne acollerá o vindeiro mércores 15 de maio, ás 20.00 horas, o coloquio adicado á diabetes enmarcado no ciclo informativo Falemos de saúde, que tivera que ser adiado anteriormente por mor do apagamento.

O acto contará coa participación de catro profesionais do ámbito sanitario: Alba Marcos, médica residente de segundo ano de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente da Coruña; Sara Martínez, residente de terceiro ano na mesma especialidade e unidade; Noemi Vázquez, residente de cuarto ano, e Nerea López, médica especialista en Medicina Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria da Coruña.

A charla estará centrada na diabetes, unha doenza crónica que se produce cando os niveis de azucre no sangue —a principal fonte de enerxía do corpo— son excesivamente elevados. Trátase dunha enfermidade que afecta tanto a homes como a mulleres de todas as idades e que require coñecementos básicos para a súa prevención, detección e control.

Desde o Goberno local destacan a importancia deste tipo de encontros, que buscan dotar á veciñanza de ferramentas prácticas e información veraz da man de persoal sanitario experto. “Este ciclo nace co obxectivo de achegar a saúde á cidadanía e facilitar recursos para anticiparse ás doenzas ou seguir un tratamento axeitado no caso de padecelas”, sinalan desde o executivo municipal.

O acceso ao evento será libre ata completar aforo, convidando así a toda a comunidade a participar activamente nesta xornada de divulgación e concienciación sobre unha das enfermidades crónicas máis comúns na actualidade.

⚙ Configurar cookies
0.15247702598572