Paderne acollerá esta fin de semana a 80 ‘camperistas’ na súa quedada anual

Paderne será o punto de encontro para arredor de 80 persoas esta fin de semana, grazas á quedada organizada polo Clube Camper Galicia, en colaboración co Concello de Paderne. O evento, que terá como centro neurálxico a Praza do Telleiro, contará con diversas actividades para os participantes, que pasarán dous días no municipio.
A quedada dará comezo o venres pola tarde coa chegada das furgonetas e unha cea de San Valentín preparada polos propios usuarios e usuarias. Durante a xornada do sábado, ás 10.00 horas, os participantes visitarán a Granxa Cagiao, un referente na elaboración de queixos, antes de xantar no Mesón a Gurita, situado a poucos metros da Praza do Telleiro. Pola tarde, a Praza do Telleiro acollerá xogos infantís e tradicionais, para logo dar paso á tradicional "cena de traxe".
Xa o domingo, a partir das 12.00 horas, os veciños e veciñas de Paderne poderán achegarse á Praza do Telleiro para saudar aos participantes, ver as súas furgonetas e autocaravanas, e disfrutar dunha xornada de portas abertas. O evento pecharase cun concurso de pinchos e unha comida de despedida ás 18.00 horas.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu ao Clube Camper Galicia por ter elixido o municipio como lugar de encontro e destacou a importancia deste tipo de eventos para dar a coñecer os atractivos do municipio, así como para fomentar o turismo en zonas pequenas e rurais.
Pola súa banda, os organizadores do evento tamén quixeran agradecer ao equipo de goberno de Paderne pola súa colaboración e comprensión para levar a cabo esta actividade, que se prevé que sexa un éxito tanto para os participantes como para a veciñanza de Paderne.