Paderne acolle unha charla para desmontar mitos sobre substancias químicas e cancro

O Concello de Paderne e a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro organizan unha charla divulgativa co título 'O que di a ciencia (e o que non) sobre substancias químicas e cancro', coa intención de achegar información clara e baseada en evidencias sobre un tema que adoita xerar dúbidas e falsas crenzas.
A cita será o venres 20 de febreiro, ás 19.30 h, na Casa Consistorial, e terá entrada de balde. A encargada de impartila será Elena Lendoiro Belío, profesora permanente laboral de Toxicoloxía no Instituto de Ciencias Forenses 'Luis Concheiro' da Universidade de Santiago de Compostela, que abordará que relacións entre exposicións químicas e cancro están avaladas pola investigación e cales non.
A actividade conta coa colaboración da Xunta de Galicia e busca fomentar a prevención e a educación en saúde a través dun formato próximo e accesible. Para máis información, a organización lembra que está dispoñible o teléfono 900 100 036.