Paderne acolle este sábado unha proba de orientación

ACoruñaXa
O evento ‘Orientación Ano Novo’ contará cun adestramento balizado, un rogaine nocturno e unha proba de media distancia
Imaxe de Paderne
10 Jan 2025

Paderne converterase este sábado, 11 de xaneiro, no escenario dunha destacada proba de orientación organizada polo Club Orientación O Pasatempo de Betanzos. O evento, denominado ‘Orientación Ano Novo’, estrutúrase en tres modalidades: un adestramento balizado, unha Media Distancia de Nadal e un Rogaine Nocturno.

As actividades darán comezo pola mañá co adestramento balizado, mentres que as saídas da proba de media distancia iniciaranse ás 14:30 horas, pechando a meta ás 17:00 horas. Pola noite, ás 18:00 horas, comezará o Rogaine Nocturno, que terá opcións de unha, dúas ou tres horas de duración.

A zona de concentración e accesos será O Telleiro, e a inscrición, aberta tanto a principiantes como a deportistas experimentados, estivo dispoñible ata o pasado martes.

O mapa utilizado, creado por David Casado Bravo, foi orixinalmente deseñado para o Campionato de España de Rogaine e revisado recentemente. A zona actual nunca foi empregada para orientación a pé, destacando pola súa diversidade de terreos e unha gran complexidade de camiños, que prometen unha experiencia única para os participantes. A organización recomenda optimizar os trazados navegando polos bosques ou seguindo referencias lineais como muros.

 

0.17695903778076