Paderne abre o prazo de inscrición para as Aulas de Conciliación e o Campamento de Nadal 2025

O Concello de Paderne vén de aprobar as bases reguladoras das Aulas de Conciliación de Nadal 2025 e do Campamento de Nadal 2025, dous programas municipais orientados a facilitar a conciliación familiar, laboral e persoal durante o período de vacacións escolares. Ao mesmo tempo, ofrecen á cativada do municipio espazos educativos, lúdicos e igualitarios.
As Aulas de Nadal están pensadas para nenas e nenos nados entre 2021 e os 8 anos, con preferencia para aqueles empadroados en Paderne. O Campamento de Nadal, pola súa banda, está dirixido a menores de entre 9 e 14 anos.
No caso de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles, aplicarase un baremo no que se terán en conta criterios como rendas familiares inferiores a tres veces o IPREM, pertenza a familias monoparentais, situación de mulleres vítimas de violencia de xénero, desemprego de longa duración, condición de familia numerosa ou fogares con persoas en situación de coidados, así como a actividade laboral de ambos proxenitores. Se aínda así segue habendo máis demanda ca oferta, realizarase un sorteo público e elaborarase unha lista de agarda.
As Aulas de Conciliación desenvolveranse no Centro de Maiores, aula de informática, biblioteca e parque anexo ao Concello entre o 22 de decembro e o 2 de xaneiro, excluíndo os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro. Haberá dúas quendas, cun horario de 8.00 a 15.00 horas e entradas e saídas flexibles:
- (1ª quenda) 22, 23 e 26 de decembro;
- (2ª quenda) 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro.
O Campamento de Nadal desenvolverase tamén do 22 de decembro ao 2 de xaneiro (agás 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro) en horario de 8.00 a 15.00 horas. A entrada poderá realizarse de maneira flexible entre as 8.00 e as 9.00 horas, mentres que a recollida será entre as 14.00 e as 15.00 horas.
O prazo de inscrición está aberto até o 5 de decembro de 2025. As familias deberán presentar a documentación requirida (solicitude, DNI, tarxeta sanitaria, informes ou certificados cando proceda e acreditación dos criterios de baremo), preferentemente a través do Rexistro Electrónico do Concello de Paderne.
A listaxe provisional de admitidos publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal. A partir dese momento, as persoas solicitantes disporán de 2 días hábiles para presentar alegacións. A listaxe definitiva farase pública na semana do 8 de decembro.