Pablo Suárez e Ian Seguín meten o Club Judo Oleiros no Campionato de España júnior

ACoruñaXa
O primeiro colgouse a prata en -100 quilos e o segundo asinou o bronce en -90 na Fase Sector Oeste celebrada en El Entrego (Asturias), clasificatoria para a cita de Pamplona
OLEIROS judo clasificados
De esquerda a dereita: Ian Seguín e Pablo Suárez
19 Jan 2026

Dobre alegría para o Club Judo Oleiros. Os seus deportistas Pablo Suárez Veleiro e Ian Seguín lograron esta fin de semana o billete para a fase final do Campionato de España júnior despois dunha destacada actuación na Fase Sector Oeste.

A competición disputouse o sábado 17 de xaneiro no Pavillón Municipal SMRA de El Entrego, en San Martín del Rey Aurelio, baixo a organización da Federación Asturiana de Judo, e reuniu ao redor de 120 judocas das seleccións de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.

No apartado individual, Suárez Veleiro subiu ao segundo chanzo do podio na categoría de -100 quilos, mentres que Seguín pechou a xornada cun meritorio terceiro posto en -90, resultados que lles abren as portas da fase final estatal.

O bo papel galego non se quedou aí: Galicia encabezou o medalleiro do Sector Oeste e clasificou a 38 deportistas para a seguinte rolda. A gran cita será en Pamplona, no Navarra Arena, co Campionato de España júnior previsto para o sábado 31 de xaneiro.

⚙ Configurar cookies
0.07905387878418