Pablo Bocelo e Vanessa Hervada impóñense na XII Carreira Popular dos Rosales

ACoruñaXa
O circuíto Coruña Corre fará agora unha pausa polo verán e regresará o 14 de setembro coa Volta a Oza
rosales-corunha
2 Jun 2025

A décimo segunda edición da Carreira Popular dos Rosales converteuse nunha auténtica festa do deporte cunha participación próxima ás 1.200 persoas entre todas as categorías. Pablo Bocelo e Vanessa Hervada foron os máis rápidos na proba absoluta, cunha marca de 19:43 e 25:11, respectivamente.

O novo percorrido de case seis quilómetros levou os corredores e corredoras polas rúas do barrio antes de saír cara ao paseo do Portiño, que concentrou boa parte do trazado ata a liña de meta situada nas inmediacións do pavillón municipal. A organización apostou este ano por un cambio de sentido no itinerario, que permitiu evitar a subida final desde o Millennium e reforzar a conexión da carreira co barrio dos Rosales.

"Quixemos introducir un pequeno cambio no percorrido para destacar aínda máis a identidade local desta proba, e o resultado foi moi positivo", explicou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, quen tamén valorou o ambiente familiar que se viviu ao longo da xornada.

Esta foi a cuarta cita do circuíto Coruña Corre, que pecha así a súa primeira metade da tempada con probas xa disputadas na Torre, Matogrande-Xuxán, San Pedro de Visma e agora nos Rosales. Segundo sinalou Vázquez, o balance ata o momento é moi positivo, cunha alta participación e un público moi implicado, sobre todo entre a xente máis nova, un dos grandes obxectivos do programa deportivo municipal.

O circuíto fará agora unha pausa polo verán e regresará o 14 de setembro coa Volta a Oza, para continuar no Ventorrillo o 26 de outubro e rematar en Novo Mesoiro o 23 de novembro. Con máis de 2.100 persoas inscritas no total da tempada, o concelleiro lembrou que tamén se pode participar en cada proba de maneira individual. “No caso da Volta a Oza, abriremos as inscricións nas semanas previas”, anunciou.

⚙ Configurar cookies
0.16051292419434