Oza-Cesuras revisa o avance da pasarela baixo a vía do tren en Oza dos Ríos

O Concello de Oza-Cesuras vén de facer seguimento das obras da pasarela situada baixo a vía do tren ao seu paso por Oza dos Ríos. Nos últimos días, o alcalde mantivo unha reunión coa dirección de obra e coa dirección de infraestruturas para revisar a evolución dos traballos e supervisar a súa execución.
Durante o encontro analizáronse os avances xa realizados, a planificación das vindeiras etapas e distintos aspectos técnicos que, segundo indica o goberno local, son necesarios para garantir que a actuación se desenvolva de maneira correcta e con todas as condicións de seguridade.
Desde o Concello salientan que se trata dun proxecto estratéxico para o municipio, xa que permitirá mellorar a seguridade viaria e, ao mesmo tempo, unificar os dous núcleos urbanos de Oza dos Ríos. A intervención dá resposta, sinalan, a unha demanda histórica da veciñanza, ao facilitar unha conexión máis segura e accesible entre ambas zonas.