Oza-Cesuras renova a piscina municipal para mellorar a eficiencia enerxética

Oza-Cesuras continúa mellorando as súas infraestruturas públicas coa colaboración da Xunta de Galicia. A delegada territorial, Belén do Campo, visitou o municipio acompañada do alcalde, Pablo González, para supervisar as actuacións levadas a cabo na piscina municipal grazas ao fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, que supuxo un investimento de máis de 48.000 euros.
As obras centradas na reforma da envolvente da fachada e cuberta do edificio —que acolle os vestiarios, zona de socorrismo, almacén e sala de instalacións— consistiron na substitución dos revestimentos antigos por un sistema de illamento térmico exterior con paneis sándwich de alta eficiencia enerxética. Na fachada empregáronse paneis de 35 mm de espesor, mentres que na cuberta se optou por paneis de 45 mm, o que permitirá mellorar notablemente a estanqueidade, a salubridade e o confort térmico do edificio.
Durante a visita, Do Campo destacou a importancia deste tipo de investimentos para mellorar a calidade de vida nos pequenos concellos: “A cooperación entre administracións é clave para garantir servizos de calidade tamén nos municipios de menor tamaño, onde levar a cabo este tipo de obras sería moito máis difícil en solitario”.
Na comarca de Betanzos, ademais de Oza-Cesuras, outros catro concellos —Abegondo, Miño, Sobrado e Bergondo— tamén se beneficiaron desta liña de axudas no último ano, cun total de achegas que superan os 276.000 euros.
Nova solicitude para mellorar a pista municipal de Loureiro-Salto
Aproveitando a visita, a delegada territorial anunciou que o Concello de Oza-Cesuras xa presentou unha nova solicitude para a convocatoria deste ano, que volve contar cun orzamento global de 5 millóns de euros. Neste caso, a proposta presentada busca renovar os vidros perimetrais da pista municipal de Loureiro-Salto, cunha axuda solicitada que supera os 48.000 euros.
A Xunta valorará prioritariamente actuacións que impliquen a instalación de sistemas baseados en enerxías renovables ou reformas de cubertas orientadas á eficiencia enerxética, así como melloras na envolvente térmica, sistemas eléctricos ou iluminación. As axudas poden chegar ata os 60.000 euros por concello e deben aplicarse en proxectos dunha soa fase que se poñan en funcionamento de inmediato.
Con estas iniciativas, Oza-Cesuras continúa avanzando cara a un modelo de municipio máis sostible, eficiente e centrado no benestar da súa veciñanza.