Oza-Cesuras involucrará á infancia nun mural colaborativo polo 25N

O Concello de Oza-Cesuras sumará á infancia ás accións polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha proposta participativa que se desenvolverá no espazo de ludoteca dentro das actividades de conciliación.
Segundo informa o Concello, tanto mañá de 15.30 a 16.30 horas como o luns no mesmo horario, os nenos e nenas que o desexen poderán achegarse para participar na creación dun mural colaborativo contra a violencia de xénero. Trátase dunha actividade plástica na que o alumnado poderá expresar, a través do debuxo e das cores, mensaxes a favor da igualdade e do bo trato.
A programación completarase cun conto adaptado ás diferentes idades, que servirá como punto de partida para reflexionar sobre as diferenzas entre relacións sanas e relacións que non o son. O obxectivo é promover valores de respecto mutuo, coidado, igualdade e rexeitamento de calquera forma de violencia.
Desde o Concello subliñan que a educación en igualdade desde as primeiras etapas é clave para construír unha sociedade libre de violencias machistas e lembran que o 25N é unha oportunidade para implicar a toda a cidadanía, tamén aos máis pequenos e pequenas, nesta tarefa colectiva.