Oza-Cesuras incorpora un novo vehículo pickup para reforzar a protección ambiental

O Concello de Oza-Cesuras vén de reforzar os seus medios materiais para o coidado do territorio cun novo vehículo tipo pickup, adquirido con cargo ao Fondo de Compensación Local da Xunta de Galicia. A nova dotación destinarase ás tarefas de protección ambiental, mellorando a capacidade de resposta municipal en labores de control, vixilancia e mantemento do entorno natural.
Desde o goberno local salientan que este tipo de vehículo, polas súas características todoterreo e capacidade de carga, resulta especialmente axeitado para acceder a pistas rurais, montes e cursos fluviais, nos que o persoal municipal realiza labores de inspección, limpeza, seguimento de vertedoiros incontrolados ou apoio a actuacións preventivas fronte a incendios e outras incidencias ambientais.
O Consistorio lembra que esta nova adquisición se enmarca na liña de investimentos que Oza-Cesuras vén sufragando con cargo ao Fondo de Compensación Local, instrumento co que a Xunta apoia proxectos municipais vencellados á mellora de servizos e á protección do medio ambiente. No último ano, o municipio xa recibira achegas deste fondo para actuacións como obras de eficiencia enerxética na piscina municipal ou o reforzo do servizo de protección ambiental.
Coa incorporación do novo vehículo, o Concello pretende prestar un servizo máis eficaz á veciñanza, reducindo tempos de desprazamento, aumentando a presenza nos espazos naturais do termo municipal e facilitando o traballo das brigadas encargadas de manter limpo e en bo estado o territorio. Desde o goberno municipal subliñan que se trata dun paso máis na aposta por uns servizos públicos próximos, eficientes e comprometidos coa conservación da contorna