Oza-Cesuras impulsa obradoiros de estimulación cognitiva para promover un envellecemento activo

O Concello de Oza-Cesuras continúa apostando pola saúde integral das persoas maiores con actividades específicas de estimulación cognitiva e envellecemento activo. Ao longo destes días estanse a realizar sesións tanto no Centro de Maiores como no Museo de Bragade de Cesuras, onde as e os participantes desenvolven exercicios de memoria, atención e coordinación, ademais de traballos manuais.
Estas dinámicas teñen como obxectivo manter a mente en movemento, reforzar as capacidades mentais e tamén favorecer as relacións sociais entre o grupo, algo especialmente importante para o benestar emocional. O Concello sinala que este tipo de obradoiros non só axudan a exercitar o cerebro, senón que contribúen a previr o illamento e a mellorar a autonomía no día a día.
Desde o goberno local destacan que este programa forma parte dunha liña de traballo clara: coidar de quen nos coidou. Nese sentido, defenden un modelo de envellecemento activo e saudable, no que as persoas maiores teñan acceso a actividades adaptadas e continuadas, con acompañamento profesional.