Oza-Cesuras impulsa a alfabetización dixital das persoas maiores con tres obradoiros prácticos

O Concello de Oza-Cesuras organiza un ciclo de tres obradoiros gratuítos para reforzar as habilidades dixitais das persoas maiores e promover a súa autonomía no día a día. As sesións terán lugar os mércores 26 de novembro e 3 e 10 de decembro, en horario de 10:00 a 13:00 horas, no Centro Social de Maiores.
A formación combinará explicacións sinxelas e práctica guiada sobre situacións reais: uso do caixeiro automático, manexo do teléfono móbil e aplicacións, acceso á app do Sergas e Chave365, utilización da máquina de quendas e outros trámites dixitais habituais.
A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia, co obxectivo de reducir a fenda dixital entre as persoas maiores do municipio. As inscricións poden facerse no Centro Social de Maiores (881 966 760) ou na Sede de Cesuras (981 790 001) ata completar prazas.