Oza-Cesuras culmina a primeira actuación de mellora na Casa Pita, chamada a ser nova Casa da Cultura

ACoruñaXa
O Concello renova o tellado e a fachada deste inmoble emblemático, que acollerá unha sala de exposicións e diferentes usos culturais
OZA-CESURAS casa pita
19 Nov 2025

O Concello de Oza-Cesuras vén de completar a primeira intervención de posta a punto na Casa Pita, un inmoble histórico do municipio que o goberno local quere transformar nun espazo cultural de referencia aberto á veciñanza.

Segundo informou o consistorio, estes traballos iniciais centráronse na restauración integral do tellado e na pintura exterior do edificio, unha actuación pensada para garantir a protección da estrutura fronte ás inclemencias meteorolóxicas e mellorar a imaxe dun inmoble moi recoñecible para os residentes.

A Casa Pita está chamada a converterse na futura Casa da Cultura de Oza-Cesuras. O proxecto de rehabilitación, impulsado polo Concello e desenvolvido por un estudo de arquitectura especializado en intervencións en contornas rurais, aposta por recuperar unha casa emblemática de Oza dos Ríos e adaptala a novos usos sociais e culturais, respectando a súa personalidade orixinal.

O plan municipal pasa por que o inmoble se transforme nun lugar dinámico, cunha sala de exposicións e outros espazos polivalentes para actividades culturais, recuperación da memoria local e programación para todos os públicos. Así o avanzou o propio Concello, que subliña que a Casa Pita será no futuro un edificio vivo e aberto á veciñanza, no que se combinarán diferentes propostas culturais ao longo do ano.

Durante as últimas semanas, a execución das obras xa se deixou notar na contorna, con restricións puntuais de tráfico na rúa Ferrador (Camiño Vello) ligadas ao inicio dos traballos.

⚙ Configurar cookies
0.071747064590454