Oza-Cesuras admite todas as solicitudes para o Campamento Concilia Nadal 2025

O Concello de Oza-Cesuras vén de confirmar que todas as solicitudes presentadas para participar no 'Campamento Oza-Cesuras Concilia Nadal 2025' foron admitidas, polo que ningunha familia quedará fóra deste servizo municipal de apoio á conciliación durante as vacacións de Nadal. O Concello agradece a confianza das familias neste tipo de programas.
O campamento está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e desenvolverase do 22 de decembro de 2025 ao 7 de xaneiro de 2026 no Edificio de Servizos Múltiples de Lois, con diferentes opcións horarias entre as 7.30 e as 15.00 horas para adaptarse ás necesidades laborais das familias.
Esta nova confirma o bo nivel de resposta da veciñanza á convocatoria lanzada a finais de novembro, na que se establecía a admisión por orde de inscrición a través do Rexistro Xeral das sedes municipais ou da sede electrónica. Unha vez pechado o prazo e revisada a documentación, o Concello puido garantir praza a todas as persoas solicitantes, sen necesidade de aplicar listas de agarda nin criterios de desempate adicionais.
Desde o goberno local subliñan que o obxectivo principal do programa é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ao tempo que se ofrece ás crianzas un espazo seguro de lecer, aprendizaxe e socialización durante os días non lectivos. O campamento incluirá actividades lúdicas, xogos cooperativos, obradoiros e propostas adaptadas ás diferentes idades, co compromiso de seguir reforzando este tipo de recursos en futuras convocatorias de conciliación.