Oza-Cesuras activa as axudas ao estudo para o curso 2025/2026

O Concello de Oza-Cesuras vén de abrir a convocatoria anual de axudas ao estudo co obxectivo de apoiar ás familias na adquisición de libros de texto e material escolar de cara ao curso 2025/2026. Estas subvencións están dirixidas ao alumnado empadroado no municipio e matriculado en 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria ou Educación Secundaria Obrigatoria.
O importe das axudas variará segundo a renda familiar. Para os libros de Educación Infantil establécense dúas contías máximas: ata 40 euros ou ata 100 euros, dependendo dos ingresos da unidade familiar. No caso do material escolar, as axudas tamén oscilan entre dous tramos, con achegas que poden chegar ata 40 euros ou ata 90 euros.
Entre os requisitos obrigatorios figuran estar empadroado en Oza-Cesuras, estar matriculado nalgunha das ensinanzas contempladas e cumprir cos baremos económicos establecidos na convocatoria. Ademais, será necesario presentar a solicitude xunto coa documentación correspondente dentro do prazo fixado.
As familias interesadas poderán realizar o trámite ata o 30 de novembro de 2025, tanto de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello como a través da Sede Electrónica municipal. A documentación completa, incluídos os anexos necesarios para formalizar a petición, atópase dispoñible na páxina web do Concello.