Oza-Cesuras activa a alerta por vaga de calor e recomenda extremar precaucións

O Concello de Oza-Cesuras advertiu da chegada dunha vaga de calor que deixará temperaturas moi elevadas durante os vindeiros días. As autoridades locais lembran que é fundamental adoptar medidas de prevención para minimizar riscos tanto para a saúde como para o medio ambiente.
Entre as recomendacións municipais, destaca a importancia de manterse hidratado, evitar saír nas horas centrais do día —entre as 12:00 e as 18:00 h— e buscar refuxio en zonas de sombra. Tamén se fai un chamamento especial á protección de nenos, persoas maiores e colectivos vulnerables.
No ámbito ambiental, o Concello lembra que está prohibido facer lume ou realizar actividades que poidan provocar un incendio forestal, debido ao alto risco destes días. En caso de detectar fume ou lume, débese contactar de inmediato co 112.
Ademais, para mellorar o confort nos fogares, recoméndase manter ventás e persianas pechadas durante o día e ventilar pola noite cando baixen as temperaturas.