Oza-Cesuras achega a astronomía ao alumnado co obradoiro Starlight no CEIP Plurilingüe Bragade

ACoruñaXa
A actividade, dirixida a 5º e 6º de Primaria, enmárcase no programa ‘Educando na Biosfera’, vinculado á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
OZA-CESURAS starling
30 Jan 2026

O Concello de Oza-Cesuras mantén en marcha o programa ‘Educando na Biosfera’ cunha nova proposta educativa centrada no ceo nocturno. Nesta ocasión, a actividade Starlight desenvolveuse no CEIP Plurilingüe Bragade e estivo orientada ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.

Durante a sesión, as nenas e nenos participaron nun percorrido divulgativo polo universo, con explicacións sobre astros e constelacións combinadas con lendas, curiosidades e contidos científicos. O encontro pechouse cun obradoiro creativo no que o alumnado elaborou un visor portátil de constelacións para seguir identificando figuras do firmamento tamén fóra da aula.

A iniciativa forma parte dun programa de educación ambiental impulsado no marco da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (recoñecida pola UNESCO), que abrangue 17 concellos, entre eles Oza-Cesuras.

As actividades Starlight contan coa participación de monitores acreditados pola Fundación Starlight, entidade que promove a protección do ceo nocturno e a divulgación da astronomía, entre outros obxectivos.

⚙ Configurar cookies
0.083484172821045