Oza acolle unha nova edición do programa inclusivo ‘Axuda en Praia’ da Fundación María José Jove

ACoruñaXa
Integrado no programa Esforza Verán 2025 que ofrece outras dúas modalidades de actividades: vela e piragüismo inclusivo
corunha-cursos-veran
4 Aug 2025

A praia de Oza é de novo o escenario dunha das iniciativas de lecer inclusivo máis consolidadas da cidade. Trátase da actividade ‘Axuda en Praia’, integrada no programa Esforza Verán da Fundación María José Jove, que leva xa 18 anos facilitando o acceso á práctica deportiva e ao goce do tempo libre a persoas con e sen discapacidade. Dende a súa creación, máis de 8.000 persoas participaron nas súas propostas.

Esta semana, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, achegouse ao areal para visitar as persoas usuarias desta actividade, acompañada pola presidenta da fundación, Felipa Jove. Neira salientou o valor desta colaboración público-privada como ferramenta para avanzar cara a unha cidade máis inclusiva: “O programa Esforza é un máis dos múltiples proxectos e actividades nas que o Concello vai da man coa Fundación María José Jove para traballar pola inclusión na nosa cidade”. Ademais, puxo en valor que “a importancia da colaboración entre as administracións públicas e as entidades privadas para chegar a máis persoas de forma máis eficaz”.

A concelleira tamén enmarcou a iniciativa nas políticas inclusivas impulsadas polo Goberno local: “A actividade forma parte das políticas inclusivas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey nos últimos anos”, apuntou.

O programa Esforza Verán 2025 ofrece tres modalidades de actividades no medio natural: vela, piragüismo inclusivo e ‘Axuda en Praia’. Esta última desenvolverase entre o 26 de xuño e o 12 de setembro na praia de Oza e busca garantir o dereito ao lecer en igualdade de condicións. Grazas á intervención do equipo técnico da fundación, as persoas participantes poden acceder ao areal e ao mar mediante ramplas, antucas e cadeiras anfibias, o que lles permite tomar o sol, bañarse ou simplemente gozar dunha xornada de praia sen barreiras.

⚙ Configurar cookies
0.19076800346375