Ouro para o CD Hydra de Curtis en dobres sub 19 en Barres

O Club Deportivo Hydra, con sede en Teixeiro, completou unha brillante actuación no torneo disputado no pavillón de Barres, en Castropol (Asturias). A parella formada por Xabi e Álvaro, este último en idade sub 13, conquistou o ouro en dobres sub 19 tras unha final moi competida fronte a Martín e Iker, do Badminton Club Coruña-Oleiros. Ademais, o seu compañeiro Pepe obtivo a prata na categoría sénior e Xabi sumou un bronce en individual na categoría sub 19.
A xornada serviu tamén para fortalecer os lazos cos clubs galegos presentes. O Badminton Club Coruña-Oleiros participou con varios xogadores e xogadoras, entidade á que o Hydra felicitou polos bos partidos en dobres mixtos de Daniela xunto a Juan.
A cita contou con cadros sub 15, sub 19 e sénior e estivo organizada polo Bádminton Occidente, entidade do concello asturiano de Castropol que vén dinamizando o bádminton na zona. A celebración deste torneo enmárcase no ciclo de Top TTR e nas probas territoriais que se veñen organizando na localidade.