Ourense e A Coruña unen forzas no Campionato Nacional Mixto de Jiu Jitsu

Este sábado, 31 de maio, celebrarase no Pavillón de Xudo Francisco Valcárcel de Villaviciosa de Odón (Madrid) o Campionato Nacional por Equipos Mixtos de Jiu Jitsu, na categoría sénior.
Con motivo desta competición, o Jiu Jitsu Club Marbel de Ourense e o Jiu Jitsu Karbo da Coruña decidiron unir forzas para formar un equipo conxunto que integra a algúns dos mellores competidores de ambos os clubs. O equipo, que leva o nome de M.K. Team, estará composto por seis integrantes de Ourense, catro da Coruña e un reforzo procedente do Club Gaspar de Cataluña. Todos eles afrontarán un sistema de competición baseado en eliminatorias por equipos, nas que se enfrontarán nun máximo de oito combates na modalidade de Loita, distribuídos en oito categorías: tres femininas (-52, -63 e +63 quilos) e cinco masculinas (-62, -69, -77, -85 e +85 quilos). Este formato permite a rotación dos deportistas entre unha eliminatoria e a seguinte, favorecendo así a estratexia e o dinamismo nos enfrontamentos.
A dirección técnica do equipo estará a cargo de Álex Álvarez, adestrador do Karbo da Coruña, xa que os técnicos Felipe Iglesias e Anita Fernández estarán ese mesmo día ao fronte doutro equipo de Jiu Jitsu que competirá en Castelló. A competición dará comezo ás 12:00 do mediodía e está previsto que remate arredor das 17:00 horas. No caso da delegación ourensá, moitos dos seus integrantes contan xa con experiencia en campionatos oficiais, tanto a nivel nacional como internacional, e algúns deles acadaron medallas no último Campionato de España individual.