Óscar Puente asegura que os trens circularán entre o porto exterior da Coruña e o Eixo Atlántico en 2027

ACoruñaXa
O ministro de Transportes asistiu á maniobra de cale definitivo do túnel do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira
20250203PortoExteriorLangosteira-(1)
3 Feb 2025

Tivo lugar a maniobra de cale definitivo do túnel do ramal norte de acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira na Coruña. Asistiron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente. Durante o acto, destacou o bo ritmo das obras da futura conexión ferroviaria, unha infraestrutura clave para impulsar a actividade portuaria. “Esta conexión abrirá a porta ao tráfico ferroviario, reforzando o potencial da súa actividade tanto a nivel nacional como internacional”, asegurou o ministro tras a finalización da escavación do túnel 1, cunha lonxitude de 3,7 km.

Segundo indicou Puente, estanse acadando os fitos necesarios para que os trens poidan comezar a circular en 2027 entre o porto exterior da Coruña e o Eixo Atlántico, o que permitirá percibir os seus efectos positivos. “Calculamos que a posta en servizo desta infraestrutura permitirá a Punta Langosteira mover en tren máis de 600.000 toneladas ao ano”, explicou.

A obra representa unha aposta pola intermodalidade entre o tren e o barco, estratexia que, segundo o ministro, fortalecerá o transporte de mercadorías tanto en España como no resto de Europa. O túnel 1 supón o 55 % da lonxitude total do tramo de 6,7 km que conectará o Porto Exterior coa rede ferroviaria do Eixo Atlántico.

Esta nova infraestrutura conta cun investimento de 124,8 millóns de euros, financiado na súa totalidade con fondos Next Generation da Unión Europea dentro do Plan de Recuperación. As obras están sendo executadas por Adif AV, froito do convenio asinado en 2022 polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, Adif AV, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña.

Puente subliñou que este proxecto foi posible grazas á colaboración entre o Ministerio, Portos do Estado, Adif e a Autoridade Portuaria da Coruña. Ademais, anunciou que se está estudando como mellorar a conexión deste ramal ferroviario ao porto, valorando a creación dunha nova terminal na súa área de influencia, que complemente e mellore a conectividade e permita asumir parte do tráfico que actualmente recibe a terminal de mercadorías da Coruña-San Diego, situada no porto interior.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, puxo en valor hoxe os avances que están a experimentar as obras de construción da conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira. Rey, que acompañou o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na posta en marcha desta intervención, subliñou a importancia da colaboración interadministrativa “para que iniciativas do calado de Punta Langosteira sexan unha realidade”, e apuntou ao “diálogo construtivo” como o camiño que cómpre seguir para dar novos pasos en cuestións fundamentais para A Coruña e a súa área metropolitana en termos de melloras da mobilidade, transporte e loxística.

0.16496396064758